A biblioteca de Soutomaior acolle na tarde de hoxe e mañá obradoiros de expresión oral e escrita orientados a rapaces maiores de catro anos co obxectivo de que se acheguen a outros lugares do planeta a través dos libros escritos en galego.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria desenvolverá na xornada de hoxe e mañá na Biblioteca de Soutomaior (Pontevedra), en colaboración con OQO editora, a campaña “O mundo en galego”, co obxectivo de que as rapazas e os rapaces coñezan a cultura, a historia e os costumes doutros lugares do planeta a través dos libros escritos en galego.
Mediante obradoiros de lecto-escritura, lúdico-didácticos e de animación audiovisual brindaráselles ás alumnas e aos alumnos de infantil e primaria a oportunidade de descubriren países de todo o mundo.
Esta tarde a partires das 17:00 celebrarase o obradoiro “Conta comigo” orientadoa a nenos de entre 4 e 7 anos de idades. Tamén hoxe ás 18:15 horas desenvolverase un segundo obradoiro “Tremelicantemente tremelicante…” para nenos e nenas de entre 9 e 12 anos.
Mañá venres será a quenda do curso “Eu tamén animo” ás 17:00 horas no que poderán participar os maiores de 8 anos
Para participar en calquera dos obradoiros pódese reservar praza no teléfono 986-700291 ou escribir a biblioteca@soutomaior.com