Esta era unha das modificacións que presentara o grupo parlamentario do BNG, aos Orzamentos da Xunta do 2010, atendendo ás peticións da Confraría de Pescadores de Redondela e ao BNG local, pero non conseguiu o visto e prace do Partido Popular.
O voto en contra dos populares fixo que o Peirao de Cesantes quedara sen partida orzamentaria para o vindeiro ano nas contas autonómicas. Unha emenda que se sumaba as máis de 1.400 que presentaran socialistas e nacionalistas ao proxecto de Orzamentos Autonómicos do 2010. A proposta do BNG contemplaba a reconstrución do peirao de Cesantes sobre pilotes, é dicir, flotante, para evitar os prexuízos que esta infraestructura esta a provocar nas correntes mariñas, nos bancos marisqueiros da Enseada de San Simón e nos areais da zona.
A emenda, que fora presentada pola deputada Carmen Adán hai un par de semanas no noso Concello, contaba cunha partida para o vindeiro ano de 300.000 euros, que tiña como obxectivo a elaboración do proxecto e a súa posta en marcha. Unha iniciativa que permitiría segundo Adán, dotar a Redondela dunhas infraestructuras portuarias “modernas e de primeiro nivel, que non só suporían unha mellora para o sector pesqueiro da zona senón que tamén servirían como atractivo turístico”.
Unha proposta que finalmente non saíu adiante despois de que onte a Cámara galega dera o visto e prace aos orzamentos de Galicia do 2010 sen incluír ningunha das modificacións dos grupos da oposición grazas á maioría parlamentaria que teñen os populares na Cámara Galega.