Hoxe é Mércores 30 de Outubro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O fútbol local cae na primeira xornada do ano

RR_Noticias

Tan só o Chapela e o Arcade, en Terceira Autonómica, conseguirían sumar tres puntos fronte ao Erizana e Pontevedra, respectivamente. O Choco, en Rexional Preferente, empataba fronte ao Barbadás, ao igual que facía o Soutomaior ante o Praderrei.

Rexional Preferente
Barbadás-Choco (0-0). O Choco perde o liderado da categoría despois de non conseguir imporse ao décimo do grupo o Barbadás. Os redondeláns resistiron malia que o equipo ourensá tivo dúas oportunidades de desfacer ese empate na primeira metade grazas a un disparo de Outomuro e Davis Soares, pero ambos lanzamentos foron bater contra a portería do choqueiro Isma. O segundo tempo non foi moi distinto, o Choco tivo a ocasión de sumar tres puntos ao seu marcador pero faltoulles acerto. Así as cousas os locais quedan na segunda posición empatados a 35 puntos co Estradense, o líder de Rexional Preferente. A próxima semana o Choco recibirá en Santa Mariña ao Arousa, polo que, a priori, non debería ter moitas dificultades para recuperar a primeira posición da táboa, xa que é o décimo da categoría con sete puntos menos que os choqueiros.
Primeira Autonómica
San Adrián-Arcade (3-0). O Arcade afúndese nos últimos postos da táboa despois de perder na casa do San Adrián. Os locais non puideron resistir o bo xogo do seu rival, que desde o primeiro minuto foi o gran protagonista do encontro, tanto en posesión do balón como nas oportunidades de gol. Moitas foron as veces en que o San Adrián chegou a portería dos de Arcade, anotándolle tres goles. Yordi, por partida dobre, e Charli, serían os encargados de sumar os tres puntos ao marcador do San Adrián. Malia que na segunda parte o equipo vencedor quedou cun xogador menos, despois de que Yordi fora expulsado, isto non lles serviu para reducir a vantaxe do seu rival. Deste xeito, o Arcade queda na décimo quinta posición, con quince puntos e empatado, co cuarto pola cola, o Unión Grove. O Xuvenil visitará a vindeira xornada a nosa comarca. Un dos rivais directos do Arcade, tan só un posto por riba dos de Soutomaior e con catro puntos máis.
Segunda Autonómica
Chapela-Erizana (2-1) O Chapela sitúase como segundo de grupo despois de imporse por dous a un, na casa, ao Erizana. Os sétimos do grupo once da Segunda Autonómica non llo puxeron nada sinxelo aos de Chapela que estivérona  piques de levarse tan só un punto nesta xornada, xa que os xogadores do Erizana deixarían escapar varias oportunidades para empatar o marcador, que finalmente lle permitiría aos locais sumar tres puntos e situarse nos trinta, pero aínda son nove os que os separan do líder do grupo o Guardés. A próxima semana terá a oportunidade de acurtar distancias xa que visitará a casa do Coruxo B, o oitavo do grupo, pero non se deben confiar, xa que os vigueses son un rival moi forte na casa e pelexarán para desfacer o empate que os iguala a puntos co Nieto o noveno.
Terceira Autonómica
Soutomaior-Praderrei (3-3). O Soutomaior afástase dos postos de ascenso, logo de empatar co Praderrei na casa. Encontro moi conflictivo e cheo de goles o que disputaron esta xornada o Soutomaior e o Praderrei que se saldou con catro xogadores expulsados e seis goles. Os locais quedaron durante a segunda parte con tres xogadores menos e os visitantes con un. Malia todo os de Soutomaior conseguiron aguantar con oito e levarse un punto deste encontro. Pero non lles serviría de moito xa que quedan na terceira posición con 32 puntos, dous menos que o segundo, o Bahía e que o Vilaboa, líder do grupo con 34 puntos. A próxima semana o Soutomaior non se desprazará moi lonxe, cruzará a Ría para xogar no campo do Moaña, que continúan na metade da táboa, con 22 puntos.
Pontevedra-Arcade (2-3). O Arcade non defraudou e fixo un bo partido esta xornada que lle permitiu levarse unha vitoria da cidade do Lérez onde xogou co Pontevedra, o noveno da táboa. Dominio de balón e acerto nos seus lanzamentos que se concretaron en tres tantos, aínda que o Pontevedra non se deu por vencido en ningún momento e conseguiu reducir a vantaxe deixando o marcador cun dous a tres a favor dos locais. Unha vitoria que sitúa ao Arcade na sexta posición e no próximo encontro terá a oportunidade de continuar gabeando pola táboa xa que visitará o seu campo o último do grupo, o Pesqueiras, que nestes meses de competición aínda non gañou ningún partido, deixando o seu marcador a cero.
Teis-Choco (6-1) Baño de goles para o Choco que perdía fronte ao Teis por seis a un. Os locais non tiveron nada que facer. O equipo vigués non lles deixou nin un minuto de respiro e dende o primeiro minuto do encontro amosaron quenes eran os que mandaban no terreo de xogo. Seis tantos, os que lle anotaron esta semana ao Choco, que os deixa na sexta posición, deixado atrás as aspiracións de encabezar o grupo. Con 25 puntos, os locais están empatados co Lavadores, o sexto, e co cuarto A Guía. A próxima semana non pode deixar escapar a oportunidade de sumar tres puntos ao seu marcador e así manterse entre os seis primeiros, e, a priori, non debería ter moitas dificultades, xa que visitará o seu campo o terceiro pola cola, o Gran Peña. 
Combarro-Cesantes (1-0) O Cesantes perdeu esta semana fronte ao quinto do grupo o Combarro. Os locais chegaban a casa do Combarro coa esperanza de situarse entre os seis primeiros da clasificación pero non puido ser, un gol do grupo pontevedrés botaría por terra as esperanzas do Cesantes, que se atopa na sétima posición con 27 puntos. A próxima xornada recibirá ao Campaño, o terceiro pola cola, que non esta tendo a súa mellor temporada. Polo momento só sumou once puntos a súa clasificación. 
Nespereira-Barciademera (2-6) O novo ano parece que non mudou a sorte do Nespereira que continúa sen coñecer a vitoria desde hai meses. Goleada na casa a que sufriu esta semana o conxunto local, que viu como o Barciademera lle anotaba seis tantos, aínda que o Nespereira tentou acurtar distancias, e, o conseguiría, anotando dous goles, non lle servirían para gañar o partido. Deste xeito, os locais continúan no último posto da táboa, con tres puntos e a próxima semana viaxarán a casa do Oliveira, ao que non lle vai moito mellor, é o quinto pola cola con quince puntos.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará