A Plataforma en Defensa da Enseada de San Simón felicítase pola rápida actuación do Xulgado de Instrucción que onte decretou a paralización das obras do peirao do Areal de Vigo. Insiste na necesidade de actuar ante este tipo de denuncias para evitar as “políticas de feitos consumados” que provocan que as sentencias cheguen cando o recheo está xa realizado
O Xulgado de instrucción número seis de Vigo ordenaba onte á Autoridade Portuaria a inmediata paralización das obras do peirao do Areal en Vigo base a unha denuncia presentada pola Fiscalía a instancias da Plataforma en Defensa da Ría o pasado 22 de decembro. Este colectivo denunciaba, tal e como previamente fixera ante o Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil a Plataforma en defensa da enseada, que se estaban a verter ao mar cascallos das obras do ave do Val do Maceiras de Redondela. Material procedente da construción do tunel que chegaba a ría “sen ningún tipo de tratamento previo, de lavado ou descontaminación o que estaba a provocar unha acumulación de lodos no fondo mariño”. Así o explicaba o presidente da Plataforma, Antonio Lores, quen insistía en que esta actuación é “un atentado contra a enseada” . Por este motivo entende que a única opción posible era a paralización da obra tal e como no seu día eles solicitaran “por tratarse dun recheo en toda regra” feito ademais con material cuxo nivel contaminante se descoñece e que afecta a totalidade de Ría declarada Rede Natura polo seu alto nivel ecolóxico. Aplauden a rápida intervención da xustiza xa que hai casos nos que as sentencias chegan cando as obras e os recheos están xa realizados con cal é moi difícil dar marcha atrás. Políticas de feitos consumados como “o contencioso administrativo interposto por esta Plataforma no ano 2006 contra o recheo feito pola Autoridade Portuaria para ampliar as instalación de Pescanova en Punta Chapelisa e que aínda non tivo resposta”.