Os naseiros alertan da praga de ratas e instan a Portos de Galicia que proceda a desratizar a zona para evitar un problema sanitario
Os naseiros de Arcade alertan da praga de ratas que nas últimas semanas están a sufrir nas inmediacións da lonxa e que está a provocar importantes perdas aos mariñeiros que faenan na zona, xa que os roedores saltan a bordo das embarcacións e devoran as nasas, uns aparellos que segundo declarou o presidente da Asociación de naseiros “Alvedosa”, Antonio Álvarez, “quedan completamente estragadas”.
Engaden que ademais dun problema económico, dado o custe que lle supón aos mariñeiros arranxar ou substituír os aparellos, tamén é un problema sanitario xa que nos últimos días algúns exemplares teñen entrado no propio edificio da lonxa
Ante esta situación reclaman de Portos de Galicia que ordene a desratización da zona, xa que as medidas adoptadas ata o de agora, como a colocación de cebos, tense comprobado que non resultaron eficaces.