O Centro de Deportes Acuáticos será unha realidade a principios do próximo ano, o que é recibido con satisfacción por pare dos veciños da zona, que só lamentan que non se tivera feito antes. Con todo, esixen outros servizos tamén necesarios en Chapela, como unha gardería e un centro para maiores.
O grande proxecto do concello para Chapela, o Centro de Deportes Acuáticos, está xa en marcha. Xa se aprobou a adxudicación do proxecto, que realizará a empresa Arealonga Arquitectura. Será un edificio de case 4.000 metros cadrados con tres alturas que albergará piscinas, spa, ximnasio e cafetería, entre outros servizos, ademais de acoller as instalacións do club de remo de Chapela. A noticia foi recibida con entusiasmo por parte dos veciños de Chapela, aínda que non hai demasiada información na parroquia sobre o que se vai facer, cando e onde, segundo puido comprobar Radio Redondela. O que si podemos confirmar é que o 100% dos veciños cos que falamos amosáronse satisfeitos coa noticia. Moitos recoñecían que a parroquia ten outras necesidades, como unha gardería ou un centro de maiores, que poden ter máis prioridade para algúns segmentos da poboación, pero non restaban importancia á boa nova da posta en marcha da piscina. Os veciños e veciñas teñen claro que se trata dunhas instalacións moi necesarias, que revitalizarán unha zona que actualmente está moi degradada. Opinan que coa construcción do Centro de Deportes Acuáticos revitalizarase a zona, e mellorarase tamén a situación do Club de Remo de Chapela, que poderá contar con mellores instalacións. Accesos Un dos problemas que apuntaban veciños como Mercedes, vendedora do mercado de Chapela, é o do acceso á nova instalación. Trátase dunha zona xa moi transitada por vehículos e peóns, e o tráfico aumentará coa construcción da piscina. Por iso pediu “previsión” ó Concello para garantir zonas de aparcamento, fluidez no tránsito dos coches e seguridade para os peóns.