O recorte no orzamento obriga a desbotar a proxección de longametraxes así como o concurso de guións. Ata o 8 de marzo permanecerá aberto o prazo para participar na VI edición do certame que se desenvolverá no Multiusos entre o 25 e o 28 de abril.
O festival Redondela en Curto recupera na súa VI edición o formato orixinal desbotando a proxección de longametraxes. Unha aposta polas películas de longo formato que se incluíra na edición do pasado ano, pero que o recorte do orzamento obriga a eliminar do programa. A reducción na achega que a Concellería de Cultura fai a este certame cinematográfico obriga tamén a eliminar o concurso de guións que se celebrara por única vez o ano pasado. Ademais o festival, que na edición anterior se ampliara cunha programación máis ambiciosa ao longo de toda unha semana, redúcese nesta edición a catro días, centrándose as actividades entre o 22 e 25 e abril. Por outra banda está xa aberto o prazo de presentación de traballos. Os interesados en dar a coñecer as súas curtas deben envialas antes do 8 de marzo. Admitirase unha única obra pro autor cunha duración de entre 4 e 30 minutos. Aceptaranse unicamente os xéneros de ficción. Dende a organización esperan dar este ano o gran salto en canto a público, aínda que entenden que as datas nas que se celebra, habitualmente coincidentes cos primeiros días de bo tempo do ano non lles benefician, motivo polo que está a barallar a posibilidade de modificar a época de celebración do festival