O concello redondelán percibirá máis do 70% dos cartos que achegará á comarca o novo Plan E. A pesar da importante achega económica crearanse tan só 22 postos de emprego, menos dos previstos en Fornelos, Pazos ou Soutomaior, municipios que recibirán cantidades substancialmente inferiores
O executivo repartirá 4.512.615 euros entre os catro concellos que conforman a comarca. O máis beneficiado é o de Redondela quen recibirá un total de 3’2 millóns de euros, cantidade que será investida na construcción do novo Centro de deportes acuáticos de Chapela que está previsto entre en funcionamento nos primeiros meses do vindeiro 2010.
En Soutomaior o investimento ascende 706.696 euros, aproximadamente a metade é a cantidade que recibirán en Pazos de Borbén (343.565 euros) e 215.242 euros son os que se repartirán en Fornelos de Montes.
En base a estes datos, aportados na xornada de onte polo delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, o noso municipio farase con máis do 70% dos cartos que chegarán a comarca procedentes do novo Plan E.
Unha importante achega económica que non se traduce en creación de empregos, xa que precisamente Redondela é o municipio que menos postos de traballo vai crear con este investimento, tan só 22 fronte os 24 que prevé crear o concello de Fornelos de Montes, os 26 que contempla o de Pazos de Borbén ou os 34 que se crearán a cargo do novo Fondo Estatal en Soutomaior.
Polo tanto mentres o investimento supón un 70% do total a creación de empregos redúcese a tan só un 20%.