Dende hoxe e durante varios meses a rúa Eidos permanecerá pechada ao tráfico. Os condutores que se dirixan a Reboreda dende o centro da vila deberán facelo pola estrada de Pazos
A rúa Eidos, un dos viais que une o centro de Redondela coa parroquia de Reboreda, permanecerá cortada ao tráfico a partir das 14.30 horas de hoxe, mércores, con motivo do comezo das obras do tramo da liña do AVE que cruzará este vial.
Os vehículos que circulen en dirección a esta rúa terán que facelo a través da estrada de Pazos, desviándose despois en dirección a Pousadouro os que desexen acceder á zona que queda mais arriba das obras.
Polo contrario, aqueles que se dirixan á parte baixa dos Eidos -zona do cemiterio- poderán facelo por un vial que circula paralelo ás obras do AVE, e que foi rehabilitado estes días para permitir a circulación de vehículos.
A rúa permanecerá cortada mentres duren as obras deste tramo da liña do tren de alta velocidade e os viais alternativos estarán debidamente sinalizados segundo informan dende a Concellería de tráfico.