O colectivo ecoloxista Verdegaia, organizadora da actividade, destaca a alta riqueza patrimonial e elevada biodiversidade autóctona coa que se atopará o camiñante que realice o percorrido o domingo. A saída está prevista para as 10:30 dende a Igrexa de Trasmañó
O colectivo Verdegaia realiza este camiño dentro do Programa Vai de roteiros que se desenvolve por toda a comunidade galega e que nesta ocasión fai unha parada no noso municipio. De feito o traxecto discorre integramente dentro do concello de Redondela nas parroquias de Cedeira, Trasmañó, Chapela, Negros e Cabeiro e terá dúas partes. A primeira comezará coa saída ás 10:30 h. dende a igrexa de Trasmaño e discorrerá polas beiras do río Fondón, onde os participantes coñecerán grazas ás explicacións dos biólogos que acompañan o roteiro, a elevada biodiversidade autóctona da zona (sobreiras, acivros, freixos…) e atoparanse ademais cunha das maiores concentracións de muíños da comarca. Esta primeira parte do percorrido rematará na Mámoa do Rei. Na segunda parte percorreranse as mámoas, petróglifos e o Castro de Negros. O camiño é circular, son aproximadamente uns 9 quilómetros e hai un desnivel duns 200 metros. A dificultade é media cunha duración aproximada de 3 horas na maña e 2 pola tarde, incluídas numerosas paradas explicativas tanto botánica como etnográfica. Hai que levar comida e bebida, xa que a metade do roteiro pararase no Castro de Negros onde hai un merendeiro. A asociación ten en marcha o programa de roteiros como xeito de dar a coñecer o patrimonio, primeiro paso para valorar o que temos Dende Verdegaia convídase aos interesados en participar a apuntarse previamente no enderezo electrónico vigo@verdegaia.org ou no teléfono 661 240 605.