A comarca deixará de recibir o sinal analóxico o vindeiro día 2 de abril cando se produza o apagamento na área técnica de Domaio. O goberno galego recomenda que non se agarde ata o último día para adaptar as televisións á tecnoloxía dixital.
A terceira e última fase do apagado analóxico comezará este mércores 10 de marzo en Galicia, rematará o vindeiro 2 de abril, e afectará a preto de 1.300.000 galegos. Co remate da fase III, que se desenvolverá nas áreas técnicas de Domaio (a maior parte de Pontevedra e cinco concellos da Coruña) e Páramo (a meirande parte de Lugo), todos os galegos terán acceso único á TDT.
As fases I e II do apagado analóxico realizáronse en Galicia do 18 de xaneiro ao 1 de febreiro e afectaron a 1.550.000 galegos, o 56% dos cidadáns da Comunidade, pertencentes a 203 concellos
Os apagados na área técnica de Domaio rematarán o día 2 co cese analóxico dos emisores que dan servizo a boa parte da provincia de Pontevedra e afectará a toda a nosa comarca. Será en plena Semana Santa cando Redondela. Soutomaior, Pazos e Fornelos deixen de recibir a sinal analóxica para adaptarse completamente á Televisión Dixital Terrestre.
A Xunta de Galicia recomenda, ademais, aos cidadáns da Comunidade que non agarden ata o último día para adaptar a súa televisión á tecnoloxía dixital e lembran que se seguirán a resolver as dúbidas dos cidadáns sobre a TDT no teléfono de atención 012.