A enseada de San Simón conta cun gran valor turístico que o Concello de Redondela ten desaproveitado. A través do proxecto Marisma o Concello fará un estudo para a potenciación do turismo en Redondela. A idea, segundo o concelleiro Eduardo Reguera, é poñer en marcha unha ruta en barco que faga un percorrido polo enseada e a illa de San Simón.
O proxecto Marisma, que inclúe a rexeneración do río Pexegueiro, un paseo peonil e a recuperación de varios edificios da zona para usos sociais, servirá tamén como dinamizador turístico de Redondela. O proxecto suporá a rexeneración da zona, coa mellora das condicións dun espazo natural de gran valor ambiental e turístico, creando paseos peonís e zonas de lecer. Ademais o proxecto contempla tamén un estudo de potenciación turística na enseada que se licitará este mes. O concelleiro de Cultura e Turismo, Eduardo Reguera, recoñece que a enseada de San Simón é unha zona totalmente desaproveitada a nivel turístico, xa que conta con grandes atractivos como a Illa de San Simón e a historia da Batalla de Rande, que son practicamente descoñecidos para os visitantes. O obxectivo é fomentar o turismo en Redondela ofrecendo alternativas atractivas, como un paseo en barco pola enseada, descubrindo a súa riqueza paisaxística. Javier Germade, coordinador do proxecto Marisma, explica que se trata de potenciar os atractivos cos que conta Redondela para atraer turismo e dinamizar a economía local. Punto Móbil de Información Marisma Para da a coñecer as diferentes actuacións que se están levando a cabo no proxecto Marisma, o Concello ven de presentar un Punto Móbil de Información. Trátase dun soporte duns dous metros de alto que alberga unha pantalla de 22 polgadas. Nela poden verse imaxes das obras na Marsima, tanto fotografías das que xa están rematadas, como infografías (montaxes feitas por ordenador), cunha simulación de como vai quedar a zona unha vez concluídos os traballos pendentes. Este Punto Móbil de Información estará emprazado cada semana nunha localización distinta do municipio, para que todos os veciños poidan visualizalo. Desde hoxe está no Multiusos da Xunqueira, o día 18 desprazarase á Casa do Concello e logo percorrerá as diferentes parroquias. A primeira será Cabeiro, o 25 deste mes. No mes de abril percorrerá Cedeira, Cesantes, Chapela e Negros. En Maio volverá a Redondela co gallo das Festas do Choco, e o resto do mes repartirase entre Quintela, Reboreda e Saxamonde. Na Festa da Coca, en xuño, estará novamente en Redondela, e logo en Trasmañó, Ventosela e Vilar de Infesta, para rematar a primeira semana de xullo no Viso. Unha vez concluído o percorrido polas parroquias poderá verse de xeito permanente no Multiusos da Xunqueira.