O corpo do mozo de 33 anos de idade, natural de Cesantes aínda que residente en Chapela, foi rescatado logo de cinco horas de procura na enseada. O mozo levaba enganchado un saco con vieiras e atopábase a unha profundidade de entre oito e dez metros.
Juan Alberto Rei Martínez, de 33 anos de idade e natural de Cesantes aínda que residente en Chapela, falecía na madrugada de onte cando estaba a realizar submarinismo na enseada de San Simón, preto da ponte de Rande. O mozo estaba a realizar pesca submarina cando tivo lugar o suceso do cal alertou un compañeiro do mergullador que se atopaba en terra e que se preocupou polo excesivo tempo que levaba na auga. O operativo de procura iniciouse ás sete da mañá e no mesmo participaron a Salvamar Mirach, unha dotación subacuática dos bombeiros de Vigo, así como membros das agrupacións de protección civil de Redondela, Moaña e Vigo. Sumáronse posteriormente aos traballo membros do grupo de actividades subacuáticas da garda Civil. Logo de cinco horas de procura os mergulladores atoparon o cadáver a unha profundidade de entre oito e dez metros e a pouca distancia de onte se tiña mergullado o falecido. A vítima, con experiencia nesta práctica deportiva, levaba traxe de neopreno e outros aparellos propios do submarinismo aínda que carecía dunha prenda coñecida como jacket que serve de suxeición da botella de inmersión e serve tamén a manter a flotabilidade dentro da auga. Portaba ademais excesivo lastre, con dous cintos de chumbo, ao parecer para evitar que as fortes correntes na zona o arrastrasen, e levaba enganchado un saco con vieiras. Segundo explicaba o responsable do servizo de Portección Civil de Redondela, Antonio Vázquez Saco, ata Cesantes acudiron tamén familiares do falecido a quen se lles ofreceu atención médica e psicolóxica para afrontar a difícil situación pola que pasaron.