As imprudencias na conducción repítense, na madrugada de onte era un home de 49 anos quen non dubidou en circular pola parroquia de Chapela a pesar de ter inxerido unhas copas de máis. De feito, foi detido pola policía local e trasladado ás dependencias da comisaría de Vigo logo de comprobarse que cuadriplicaba a taxa de alcol permitida ao volante.
Os feitos producíanse cando ás 4:15 da madrugada un veciño do barrio de Laredo en Chapela alertaba á policía local de que un vehículo estaba causando escándalo realizando aceleróns e frenazos bruscos. Unha vez no lugar os axentes comprobaron que o condutor do turismo, un Ford Focus, presentaba claros síntomas de embriaguez, polo que procederon a realizarlle a proba de alcoholemia que deu positiva. O vehículo foi inmobilizado e o home trasladado ás dependencias da policía nacional para ser posto a disposición xudicial acusado dun delicto contra a seguridade do tráfico.