A II semana do libro que se desenvolve durante esta semana na Alameda de Chapela e nos soportais do Concello inclúe tamén unha conferencia a cargo da escritora e catedrática Mª Xosé Queizán o mércores 21 ás 20:00 horas na Casa da Cultura
Baixo o título “A festa das palabras” o Servizo de Normalización Lingüística e as bibliotecas de Redondela e Chapela organizan unha mostra literaria plurilingüe aproveitando a conmemoración do día 23 de abril, día do libro. O obxectivo é achegar á cidadanía libros, xornais e revistas en espazos pouco habituais como parques e prazas e divulgar a riqueza cultural e lingüística do noso contorno máis próximo. Para cumprir con este fin a mostra achegará libros en distintos idiomas como o galego, portugués, castelán, catalán, éuscaro e asturiano. O programa comezou onte na Alameda de Chapela onde estará tamén esta tarde mentres que os días 21, 22 e 23 desprázase aos soportais do Concello en horario de 17.00 a 20.30 horas. Ademais, na seguinte semana, a mostra estará na entrada do Multiusos en horario de mañá e tarde. Charla coloquio Ademais, como complemento a esta feira multilingüe e de promoción do libro e da lectura, o día 21 de abril, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura de Redondela, a escritora e catedrática de lingua e literatura galega, Mª Xosé Queizán, pronunciará unha conferencia titulada: “O galego, orixe do portugués”.