Os nacionalistas entenden que o único motivo por parte do Ministerio de Fomento para retomar un proxecto que quedara desbotado é o rédito electoral e insisten en que ampliar a autoestrada non resolverá os problemas de acceso a Vigo. Fan un chamamento a institucións e particulares a manifestarse en contra desta actuación
Para o BNG de Redondela ampliar a ponte de Rande e a autoestrada AP-9 entre Cangas e Teis non está xustificado xa que esta actuación non resolverá os problemas do acceso a Vigo. O concelleiro Carlos Pazos explica que por moito que se amplíe a capacidade da autoestrada engadindo un carril adicional en cada sentido os problemas continuarán producíndose nas entradas e saídas da cidade. O responsable de Medio Ambiente de Redondela non entende que se retome agora un proxecto cando estaba practicamente desbotado e insiste en que “non hai necesidade de tocar a AP-9 cando se vai facer a autovía A-59 que vai desconxestionar a autoestrada”. Ademais de lembrar que a obra afecta a unha infraestructura asentada en Rede Natura e que, polo tanto sería necesario que se someta a estudo de impacto ambiental, advirte das repercusións que o proxecto de Fomento vai ter en Chapela, unha parroquia moi castigada que se verá afectada novamente por unha infraestrutura cuxa utilidade non está xustificada.