Dúas mil persoas pasaron polo Multiusos da Xunqueira nos catro días de festival. Dende a organización destácase o éxito desta VI edición así como a boa resposta dos espectadores á sección alternativa celebrada na Disco Tasca
A curtametraxe de José Luis Montesinos “la historia de siempre” recibiu o apoio do público no festival Redondela en Curto. Un premio moi disputado xa que ata a última votación todas as quinielas apuntaban a que sería unha comedia “Burbujas” a que se levaría a maior parte dos votos. Finalmente os votos de última hora outorgaron ao drama de Montesinos, cuxa acción se desenvolve nun autobús, o premio que conceden os espectadores. Pola súa banda, outro drama “The end” do director madrileño Eduardo Chapero-Jackson logrou o premio do xurado, quen recoñeceu este traballo de case trinta minutos que sitúa ao espectador ante unha inquietante situación, a loita de dúas familias por acadar un ben prezado e escaso como é a auga nun hipotético futuro no que o seu valor económico supera ao do petróleo. Unha película de curto formato rodada nos desérticos escenarios de Almería. Chapero-Jackson recibe así por segundo ano consecutivo un premio no festival redondelán, xa que o ano pasado se recoñecera o seu traballo “Alumbramiento”. Dende a dirección do Redondela en Curto, Fernando Cuchi Carreira destacouse o éxito de público desta edición, na que se superaron os 2.000 espectadores así como a boa acollida da sección alternativa celebrada no local Disco Tasca, onde se proxectaron traballos que polas súas peculiaridades non tiñan cabida na sección a concurso pero que sí merecían ser vistos.