A sesión ordinaria de onte rematou con enfrontamentos e insultos entre un grupo de veciños e o alcalde Xaime Rei. Os asistentes ao pleno esixían a retirada das pedras e a construcción dun dique para evitar a perda de area da praia de Chapela
O tranquilo desenvolver do pleno de onte rematou cun enfrontamento entre o alcalde Xaime Rei e os veciños de Chapela que asistían á sesión armados de carteis nos que demandaban o arranxo e limpeza da praia de Arealonga. Foi practicamente ao remate da sesión cando o PP presentou un rogo no que reclamaba do goberno local a adopción de medidas orientadas a recuperar e limpar o areal de Chapela. A falta de resposta por parte dos responsables municipais provocou a reacción do público que esixía un compromiso por parte do alcalde para solucionar o problema de perda de areal que se ven sufrindo nesta praia nos últimos anos e que se viu incrementado coa canalización dos ríos e a construcción do paseo marítimo de Cardona. Criticaban ademais a falta de mantemento e limpeza. O alcalde asegurou que a limpeza da praia se realiza con normaliza e negou a existencia de cáscasllos. Sí puntualizou no referente ás pedras que existen un estudo da Universidade de Vigo no que se recomenda que se manteñas as rochas e pedras procedentes dos ríos precisamente para evitar a perda de area. Sobre a proposta dos veciños de construír un dique para evitar a desaparición da area Rei explicou que era unha cuestión de carácter técnico e non político e polo tanto que debían ser os técnicos os que valoraran esa cuestión E unha conversa que se desenvolvía dentro dunha relativa cordialidade rematou con berros, insultos e coa decisión do rexedor de abandonar o salón de plenos.