Os colectivos veciñais, culturais e deportivos enviaranlle unha carta ao ministerio de Fomento, á Xunta de Galicia e ao Concello rexeitando a ampliación da vía e reclamando melloras para reducir o impacto de autoestrada na parroquia
A Asociación de Veciños de Chapela, promotora da iniciativa, expresa na carta -que xa lle foi remitida ao Ministerio que preside José Blanco e que nos vindeiros días enviarase tamén á Xunta e ao Concello- o seu rexeitamento ao proxecto de ampliación da autoestrada. O colectivo veciñal aproveita ademais para demandar unha serie de medidas orientadas a paliar os prexudiciais efectos que a autoestrada xa provoca na parroquia. Así, demandan como primeira medida que se soterre a vía mediante a construcción dun falso túnel de 500 metros de lonxitude entre a zona de Pasan e o pavillón de deportes, un tramo no que se atopan a maior parte dos servizos da zona tales como o centro de saúde, centro educativos ou o auditorio. Demandan tamén a instalación de pantallas sonoras no barrio de Río Frío para minimizar a contaminación acústica que o tráfico causa nesa zona. Outras reclamación que o colectivo trasladou ao Ministerio son a eliminación da peaxe en Cabanas, un acceso de entrada e saída na zona de Torres de Padín e, por último, a ampliación de acceso á parroquia de Trasmañó dende o Alto da Encarnación Insisten en que a suma de todas estas actuación supón un custe ínfimo tendo en conta as cantidades económicas que se manexan no proxecto de ampliación da Ponte de Rande. Asamblea informativa da AP-9. O colectivo veciñal súmase á convocatoria feita dende a asociación de afectados pola ampliación da AP-9, quen celebran o vindeiro venres ás 20:00 horas no Multiusos do Piñeiral unha asamblea para informar do proxecto de Fomento.