A asociación que preside Fermín Alonso cualifica de “barbaridade” o anuncio da Xunta de eliminar os furanchos. O cambio na normativa anunciado polo goberno de Feijóo obriga a estes establecementos tradicionais a se converter en bares ou restaurantes, se non queren desaparecer.
As modificacións na Lei de Turismo anunciada polo goberno de Núñez Feijóo deixa fóra os furanchos. A decisión da Xunta é que só existan as cualificacións de bar, cafetería e restaurante, polos que os furanchos que queiran seguir funcionando terán que incorporarse a unha destas tres modalidades. A Asociación de Furancheiros de Redondela cualifica a decisión da Xunta de “barbaridade” e non entende o cambio do executivo autonómico, que nunha xuntanza celebrada co sector lle expresou a súa intención de traspasar ós Concellos a xestión destes establecementos tradicionais. O presidente da Asociación de Furancheiros de Redondela, Fermín Alonso, lamenta que agora a Xunta “bote por terra” o decreto acordado polo anterior goberno do bipartido e consensuado co sector para a legalización destes establecementos. Para Alonso Otero é “impensable” que os furanchos se poidan transformar en bares ou restaurantes coa súa propia produción de viño. Por iso asegura non entender a actuación da Xunta “que por unha banda subvenciona que se planten viñas, e despois dicta unhas normas que obrigarán ós furancheiros a cortar as cepas”. A Asociación de Furancheiros de Redondela agarda celebrar unha xuntanza para dar conta ós socios da situación, e xunto coa Federación Provincial adoptar medidas.