Os votos a favor de PSOE e BNG permitiron sacar adiante as contas municipais nun pleno extraordinario celebrado na mañá de hoxe. Dende os grupos da oposición tanto PP como PG criticaron o elevado endebedamento do concello, en torno a un 70% e o escaso investimento no rural.
O concelleiro delegado de asuntos económicos, Emilio González Iglesias defendeu no pleno celebrado ás 9:30 horas de hoxe o orzamento para o presente exercicio, unhas contas que ascenden a 19’7 millóns e que supoñen un descenso do 10% respecto do ano pasado. O concelleiro insistiu no esforzo realizado polo goberno local para manter as partidas destinadas a costear os servizos sociais “algunhas das cales vense incluso incrementadas” e destacou como investimentos máis importantes a adquisición dunha parcela de 30.000 m2 en Chapela para a construcción de equipamento, o financiamento da segunda fase do centro de deportes acuáticos desta parroquia e a mellora no abastecemento de auga e saneamento do municipio. Uns proxectos que non convenceron aos grupos da oposición, quen recriminaron ao goberno local ” o escasos investimento no rural”. Respecto do proxecto estrela recollido no documento, a compra de terreos en Chapela, os populares aínda que recoñecen a necesidade da medida critican que detrás da mesma se agoche unha “mala xestión por parte do goberno local”, xa que entenden que poderían adquirir unha parcela de características similares por unha contía inferior ao millón de euros. Dende o BNG defendeuse esta adquisición como un “importante investimento de futuro que permite ao concello adquirir patrimonio para dotar de equipamentos a Chapela”.