A iniciativa, posta en marcha hai catro anos pola Asociación de empresarios, ten por obxecto promover o turismo gastronómico ofertando aos clientes mariscadas para dúas persoas ao prezo de 80 euros. En paralelo celébrase a ruta do pincho na que participan sete locais de hostalaría
Dende hoxe e ata o vindeiro domingo día 4 de xullo todos os que o desexen poden degustar en Soutomaior unha mariscada a un prezo especial de 80 euros para dúas persoas no que se inclúen doce ostras, unha centola, seis cigalas, lagosta, percebes, catro vieiras, navallas, dúas sobremesas e unha botella de viño albariño da localidade Mar. En total son dez os establecementos que participan desta iniciativa que nacera catro anos atrás na Asociación de empresarios como xeito de promover a gastronomía local ofertando a un prezo axustado o mellor produto do mar. Ademais, para animar aos clientes, cada parella participante recibirá un folleto que cubrirá cos deus datos para participar no sorteo de dous premios dunha fin de semana na Pousada do Castelo para dúas persoas con comida e cea incluída, un reloxo Viceroy, seis mariscadas para dúas persoas e un cheque regalo de 50 euros. Paralelamente á semana gastronómica o colectivo empresarial organiza a Ruta do Pincho, que conta coa participación de sete cafeterías situadas en Arcade e Soutomaior que, durante toda a semana ofertarán un pincho orixinal e gratuíto con cada consumición. Tamén estes clientes poderán optar a diferentes premios degustando os petiscos que acompañarán ás consumicións aló menos en catro dos sete locais participantes.