O procesado alegou que o cannabis localizado na súa propiedade era para consumo propio, polo que quedou en liberdade provisional á espera de que se celebre o xuizo.
Onte prestaba declaración no xulgado o presunto propietario dun total de 60 plantas de marihuana. O home FJ. A.V. nacido en Vigo hai 48 anos foi arrestado o pasado luns logo de que os axentes da Garda Civil localizaran na súa propiedade unha plantación de sete kilos e medio de cannabis. O inculpado, que pasou onte polos xulgados de Redondela, recibía o apoio da Asociación Viguesa de Estudos da María (Ave María) colectivo do que forma parte e era posto en liberdade provisional sen fianza logo de declarar que as plantas incautadas polos axentes eran para consumo propio.
Absolto un presunto atracador
Por outra banda onte o xulgado do penal número 2 de Vigo absolvía por falta de probas ao acusado do asalto a unha sucursal do Banesto de Soutomaior o 5 de febreiro do 2009 de onde presuntamente se tería levado un botín de 6.825 euros. Aínda que a fiscalía pedía para o acusado, un veciño de Vigo de 40 anos de idade, unha condena de cinco anos de cárcere, o fallo xudicial considera que non existen probas suficientes que permitan considerar ao acusado como autor do roubo xa que non puido ser identificado polas testemuñas e a única proba existente na súa contra é a de ser propietario dun vehículo Peugeot 206 semellante ao que puido empregar o autor dos feitos para fuxir do lugar do atraco.
O procesado está tamén relacionado con outros tres asaltos ocorridos nas oficinas de Banesto e Banco de Santander das localidades de As neves, Arbo e Sóutelo de Montes casos polos que aínda se atopa á espera de xuízo.