A xuíza considera que non hai indicios fundados que poidan demostrar que o pai ou a avoa do neno foran os culpables de que o can atacara ao cativo. O auto recolle que aínda que o pit bull tiña a correa rota non se pode determinar dende cando.
O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Redondela decretou o sobresemento provisional das actuacións abertas polo caso do neno de 23 meses que falecía en Pazos de Borbén pola mordeduras dun pit bull o pasado 15 de maio, cando o menor estaba na casa dos seus avós. Segundo o Tribunal Superior de Xustiza o auto sostén que «non cabe considerar, nin por parte do pai do menor falecido nin por parte da súa avoa, que creasen un risco xuridicamente desaprobado» e engade que na actuación dos imputados non se pode apreciar «indilixencia ou omisión que determinase o resultado producido». A avoa e o pai do neno foran imputados por un presunto delito de homicidio imprudente ao considerar a investigación que non tomaran as medidas de seguridade pertinentes sendo propietarios dun can considerado potencialmente perigoso.