Durante toda esta semana un técnico de urbanismo do Concello desprazarase ao multiusos do Piñeiral do Crego para asesorar aos veciños da parroquia sobre o proxecto de ampliación da autoestrada AP-9. Todos os que o desexen poden achegarse ao edificio multiusos en horario de 12:00 a 14:00 horas.
Dende o departamento de urbanismo están ademais a traballar nas alegacións que dende o concello se presentarán ao proxecto de Fomento.
Unha das demandas do goberno local será reclamar que se inclúa o Colexio Igrexa entre as expropiacións xa que o centro educativo atópase practicamente pegado á autoestrada e a construcción dun carril a maiores agravará esta situación.
O titular do departamento de urbanismo, Emilio González Iglesias solicitará tamén tanto á administración autonómica como central que se comprometan por escrito a que a construcción dos carrís adicionais se realicen unicamente no área de reserva que marca o Plan Especial de Reforma Interior (PERI) de Chapela.
Dende o concello manteñen con todo a súa oposición ao proxecto por entender que non solucionará os problemas de tráfico e insisten en que a alternativa á saturación da Ponte de Rande é “a construcción da autovía A-59”.