Un Segundo posto na Bandeira de A Guarda e o cuarto onte na Bandeira Concello de Vigo manteñen ó club de Remo de Chapela na terceira praza da xeral. Meritoria situación para a embarcación redondelá que mantén o pulso cos dous clubs que se alternan no liderado: Amegrove e Samertolameu, cos do Grove dous puntos por diante dos de Meira.
Esta pasada fin de semana gañou, sobre todo, o remo. Os afeccionados a este deporte puideron gozar deste deporte en estado puro na primeira Bandeira Concello de A Guarda, o sábado, e na Bandeira Concello de Vigo, disputada onte domingo. E nas dúas o club de Remo de Chapela fixo un excelente papel. Na proba do sábado, con forte vento e ondas de case dous metros, Amegrove gañou con claridade, e os redondeláns foron segundos, adaptándose mellor que o resto de equipos á forte ondada, que puxo a proba a pericia das tripulacións. Samertolameu, que loita polo liderado, non puido superar a quinta praza, por detrás de Cabo de Cruz e Muros-Náutico de Vigo. Ben diferente transcorreu a regata disputada onte domingo fronte ó porto deportivo do Real Club Náutico de Vigo, cunha mañá espléndida e un mar en calma absoluta. Con esas condicións Samertolameu saíu disposto a recuperarse do mal resultado do sábado. E conseguírono. Os de Meira gañaron, aínda que só por catro segundos sobre Muros-Náutico. Os de Chapela fixeron unha espléndida regata e foron cuartos, pero só unhas centésimas por detrás de Amegrove. A embarcación grovense, que rematou en terceira posición, mantense líder da clasificación xeral, aínda que agora con só dous puntos de vantaxe sobre os de Meira. Esta Liga Galega de Traiñeiras preséntase moi atractiva, con moita competencia para a cita inmediata da próxima fin de semana, coa Bandeira Teresa Herrera da Coruña.