A nova xestora está integrada polos membros do anterior Comité Local, onde destaca a presenza do concelleiro Alberto Pazos. Conta tamén con novas incorporacións que perseguen renovar o partido para afrontar os vindeiros comicios electorais
O actual director de Caixa Galicia en Redondela, Javier Bas será o encargado de dirixir o proceso de renovación do PP local que se iniciara a finais do pasado ano coa dimisión da que fora nos últimos anos súa presidenta, Francisca canal.
Na xunta xestora acompañarán a Javier Bas o actual concelleiro Alberto Pazos quen asumirá o posto de secretario de coordinación municipal, mentres que a secretaría xeral e a tesourería queda en mans de Arturo González. A veciña de Chapela Teresa Paris asume o cargo de secretaria de organización e comunicación mentres que a secretaria de xuventude será a veciña de Reboreda Elena Rivas.
Javier Bas apuntou á “unidade, fortaleza e solvencia desta nova xunta xestora, que traballará arreo para afrontar con garantías o reto dos vindeiros comicios electorais”. Asegurou que “as novas incorporacións que entran no grupo” serven “para construír un PP máis sólido que asuma con impulso e poderío esta nova etapa en Redondela, xa que, en definitiva, a unidade fai a forza e o obxectivo central é a consecución do Goberno municipal”.