O espectáculo circense, que se poderá ver a partir das 23:00 horas no pavillón, inclúe acrobacias tradicionais aderezadas con elementos do baile, a ópera e o teatro. As entradas repartiranse de xeito gratuíto dúas horas antes do inicio da actuación
O Pavillón Municipal de Redondela acolle hoxe xoves ás 23.00 horas, o espectáculo “Alma de China: Dreams” a cargo do Circo Acrobático de Pekín, organizado por Caixanova en colaboración con concellería de Cultura. A entrada ao espectáculo é gratuíta, aínda que será preciso presentar un ticket que deberá recollerse na billeteira do pavillón a partir das 21.00 horas. “Alma de China: Dreams” revélanos un colorido mundo de ilusión visto polos ollos dunha nena. Un show completo, coreografiado teatralmente para audiencias de todas as idades, con incribles acrobacias, música atraínte e extraordinarios efectos luminosos. Para o edil de cultura, Eduardo Reguera, é a máis importante das citas enmarcadas dentro da programación das Noites Máxicas O Circo Acrobático Nacional de Pekín fundouse en 1950 e desde 1990 representan shows baseados na esencia da acrobacia tradicional, recollendo ideas do baile, a ópera e o teatro chinés. Actualmente, teñen no seu repertorio máis de 100 números diferentes entre representacións aéreas, equilibristas, animais adestrados, farsas, imitacións, maxia, coordinacións de grupos, etc.