Na xornada de onte a Asociación de afectados pola ampliación da autoestrada entregou na Subdelegación do Goberno en Pontevedra máis de 1.200 alegacións contra o proxecto de Fomento por carecer de estudo de impacto ambiental. Os veciños estudan retomar as mobilizacións en setembro
Nas alegacións poñen de manifesto a súa oposición a unha actuación que carece de estudo de impacto ambiental e que non contempla a adopción de ningunha medida correctora para paliar os efectos que a obra vai ter sobre o medio ambiente e sobre as persoas. Denuncian ademais que a obra deixará a autoestrada sen beiravía e que algunhas vivendas quedarán a menos de 8 metros da autoestrada cando a lei non o permite. Engaden que a ocupación ademais de afectar a vivendas e negocios particulares afecta tamén a diferentes centros públicos como o centro de saúde, o colexio e instituto, o pavillón, a Igrexa e o cemiterio, así como a dous lavadeiros e mananciais. Ante estas anomalías e atendendo a un principio de prudencia reclaman que se suspenda calquera actuación ata que exista unha decisión en firme xa que segundo advirten “proceder ás ocupación pretendidas parecerá unha provocación inxustificable de consecuencias imprevisibles”. Finalmente, reiteran que a obra é totalmente innecesaria xa que o único que vai provocar é que se incremente o efecto funil na entrada a Vigo.