Concepción S.M. de 36 anos de idade e veciña de Reboreda foi detida na madrugada de hoxe por axentes da Policía local logo de forzar a porta do bar “O repouso do pescador” que se atopa no peirao de Cesantes ás 4:10 da madrugada de hoxe.
Os axentes desprazáronse ao lugar logo de seren alertados por uns mariñeiros que observaron como tres mulleres romperan un cristal do bar. Unha vez no peirao, os axentes atopáronse coa porta do local forzada aínda que as mulleres xa se deran á fuga. Unha delas foi localizada e detida nas proximidades e pasará hoxe a disposición xudicial acusada dun delito de tentativa de roubo con forza.
Mellores comunicacións
Por outra banda, a Policía Local conta xa cun novo sistema de comunicacións de radio baseado na nova tecnoloxía dixital. A dotación deste novo sistema de comunicacións supón a modernización completa do seu sistema de radiocomunicacións privadas, incluíndo tamén a renovación do seu equipo central de comunicacións nas súas oficinas centrais.