O monte Outeiro Grande de O Viso acolle mañá sábado a “música tradicional furtiva” do grupo Tanto nos ten, que nse subirán ao escenario logo dos temas reivindicativos de A Quenlla.
A agrupación local Tanto nos ten será un dos grupos que se suba ao escenario este sábado no Monte Outeiro Grande de o Viso co gallo da celebración do Festival da Lúa Meiga. Temas tradicionais e letras propias onde o escarnio e o saber popular complementan, segundo eles mesmos confesan, aos ritmos bailables como pasodobres, muiñeiras e mazurcas. Uns temas que cualifican de “música tradicional furtiva” segundo explicaba Manuel Cruces, gaiteiro e frautista da agrupación Un grupo que ademais de divertir busca reivindicar o noso no cultural, no musical e no idiomático. Aseguran que son festivais como o deste fin de semana en Redondela a única oportunidade que os grupos folclóricos teñen para darse a coñecer e promoverse, xa que hai unha ausencia total de apoio por parte das administración, nomeadamente por parte da Xunta. Poñen como exemplo a carencia de grupos galegos no programa do Xacobeo 2010. O concerto de mañá comezará ás 22:30 horas e contará tamén coa presenza do grupo de gaitas Asubíos, O leo i Arremecaghona e o grupo A Quenlla. Xa na xornada do domingo as actividades continuarán cunha sesión vermú a partir das 11:30 horas amenizada con música e un ano mais celebrarase a tradicional suba de meighachimpíns, unha iniciativa dos veciños que anos atrás decidiron decorar os seus chimpíns e empregalos para desprazarse ao torreiro da festa. Logo do xantar popular haberá xogos tradiconais e continuará a música e o baile. Tamén para os máis cativos actuarán os monicreques de Tanxarina.