Na sesión desta mañá só xeraron debate temas “menores” como o estado do parque infantil da Xunqueira. Un pleno ordinario no que por vez primeira participou como público Javier Bas, próximo candidato do PP á alcaldía.
Pleno de trámite o celebrado esta mañá no Concello de Redondela onde a única cuestión que suscitou certo debate na orde do día foi a concesión ó club de remo de Chapela dun inmoble dentro do centro de deportes acuáticos que se proxecta na parroquia. Neste punto o PP abstívose. Alberto Pazos, que se estreaba como voceiro do grupo, xustificou o voto porque, ó seu entender, o acordo co club de remo “é mellorable”, e a anunciou que no mes de prazo que existe para facer propostas os populares farán as súas achegas. A postura dos populares foi moi criticada polos grupos do goberno. O voceiro socialista, Emilio González, explicou que demorar o proxecto podería supoñer que o Concello perda a subvención estatal de 3 millóns para facer a obra. Máis aló foi o voceiro do BNG. Carlos Pazos criticou que o grupo da oposición non tivese feito ata agora as súas propostas para mellorar o convenio, e puxo en dúbida que o PP vaia facer propostas en firme, polo que lamentou que provoquen unha demora no proxecto.Outras cuestións que xeraron debate na sesión plenaria foron as mocións do PP. Alberto Pazos solicitou unha vez máis que o Concello acondicione o camiño da Carrola, en Chapela, que da servizo a dúas vivendas. Unha vez máis o goberno local insistiu en que non se trata dun camiño público, senón que o acceso a esas casas faise por un paso de propiedade privada. Outro tema que xerou un longo debate foi o estado do parque infantil da Xunqueira. Os populares denunciaron o seu mal estado de conservación, e a inseguridade dos usuarios, acusacións que foron rexeitadas tanto por parte do BNG como do PsdG, que ademais lamentaron que estes temas que cualificaron”menores” sexan os que centren o debate político no Concello Javier Bas entre o público No plano anecdótico hai que salientar a presenza do próximo candidato á alcaldía polo PP, Javier Bas, que por primeira vez acudía como público a unha sesión plenaria xunto con outros compañeiros de partido. Este feito propiciou varios comentarios e cruces de indirectas entre o voceiro socialista, Emilio González, e o popular Alberto Pazos.