O equipo redondelán comezou a liga na Primeira Autonómica cunha vitoria sobre o Tomiño e agora só pensan no seguinte rival, o Domaio. Acaban de ascender, e no club teñen claro que a meta para este ano é garantir a permanencia na categoría canto antes.
Na casa e con vitoria contundente. Non se podía soñar cun comezo de liga mellor para o Club de Fútbol de Chapela, que acaba de ascender a Primeira Autonómica. O 3-0 diante do Tomiño é unha inxección de moral para os xogadores deste equipo, que afrontan o reto de conservar esta categoría. Cun cadro de xogadores baseado no conxunto que fixo posible o ascenso a pasada tempada, e cuns poucos reforzos, o traballo diario e a ilusión lévaos a pensar en seguir acadando bos resultados para rematar a liga “no mellor posto posible”, como afirma o presidente da entidade, Jose Luis Ballesteros. No club son conscientes de que a Primeira Autonómica “é a súa categoría”, e non soñan con aspirar a metas “máis aló” desta liga. Para seguir cumprindo obxectivos preparan o encontro do domingo co Domaio. Será o primeiro fóra da casa, pero contan coa vantaxe de que os do Morrazo tampouco xogarán no seu campo, senón que o farán en Moaña, por mor das obras de mellora que están a realizar nas súas instalacións. Unha situación que pode “beneficiar” ó Chapela, segundo Ballesteros, xa que os locatarios, nesta ocasión, non terán ó seu favor o factor campo.