O certame abre a súa programación esta tarde cunha concentración na Feira do Gando. Todos os que o desexen poderán facer as súas obras de arte con material de reciclaxe. As esculturas colocaranse despois nas prazas e rúas da vila. Esta será a antesala do concerto, que se celebra o venres a partires das 21.00 horas
Comeza o Lixorock, que chega á súa XVI edición, será o venres, a partires das 21.00 horas, pero xa esta mesma tarde a organización pon en marcha a súa programación coa “Concentración Artelixo”. A partires das 18.00 horas no recinto da Feira do Gando todos os que o desexen poderán sacar “o artista que levan dentro” e facer a súa propia escultura con material de refugallo. Estas obras serán expostas en diferentes espazos públicos de Redondela, como beirarrúas e prazas. O obxectivo é fomentar a cultura da reciclaxe dun xeito “participativo e sorprendente”, segundo explica Pedro Vilas, un dos organizadores desta iniciativa. Xa o venres celébrase o Lixorock, o concerto “máis democrático do mundo”, segundo a organización, xa que poden participar nel todos os grupos e músicos que o desexen. Como cada ano, haberá conxuntos de varias xeracións que interpretarán todo tipo de estilos, desde o Metal, Rock ou Punk, ata o Indie ou o Hip Hop. Comezarán ás 21.00 horas no recinto da Feira do Gando, e cada grupo actuará durante 20 minutos. Este ano, ademais de moitos grupos redondeláns, xa está confirmada a asistencia de músicos de Pontevedra, Vigo e outros puntos da contorna.