A xustiza admitiu a trámite a demanda a demanda da asociación de veciños de Chapela de afectados pola ampliación da autoestrada. Fomento ten de prazo ata finais deste mes para xustificar o inicio das obras.
A Audiencia Nacional admitiu a trámite a demanda dos veciños de Chapela da Asociación de Afectados pola Ampliación da Autoestrada, que solicitou que se paralice o proxecto mentres non haxa un informe de impacto ambiental. A sala do contencioso administrativo deu de prazo ata finais deste mes de setembro para que o Estado conteste á demanda e xustifique o inicio das obras. A secretaría xudicial instou ao avogado do Estado a que argumente xuridicamente o seu dereito a comezar os traballos de ampliación, que afectan ó tramo da AP-9 desde a ponte de Rande ata o enlace con Teis. O Ministerio de Fomento prevé empezalas en abril de 2011. Pero antes o executivo terá que contestar aos case 1.300 veciños de Chapela que presentaron alegacións. O ensanche da AP-9 afectará a 31 leiras que están en proceso de expropiación. Sete das parcelas conteñen vivendas residenciais. Nas alegacións presentadas polos veciños, que solicitaron a suspensión cautelar do proxecto, sinálase que a ocupación de terreos non afecta só a vivendas e negocios senón tamén a servizos públicos como o centro de saúde, o colexio público Alexandre Bóveda, o instituto de ESO e FP, o pavillón deportivo, a igrexa parroquial, o cemiterio e o colexio público Igrexa.