Os socios da entidade aproban onte a cesión das instalacións por parte do Concello por un período de 25 anos. Mentres as obras non estean rematadas terán que usar un local provisional que se habilitará no aparcadoiro.
Os socios do Club de Remo de Chapela aprobaron onte un acordo co Concello de Redondela para a cesión do seu novo local no novo Centro de Deportes Acuáticos. As instalacións, de máis de 900 metros cadrados, serán cedidas á entidade deportiva por un prazo de 25 anos, o máximo que permite a lei. O problema é que as novas instalacións non poderán ser ocupadas polos deportistas do equipo ata que rematen as obras da primeira fase, previstas para finais de decembro. Isto obrigará a facer cambios provisionais e a modificar os prazos parta derrubar a nave que ocupa actualmente o club. En principio estaba previsto botar abaixo as vellas instalacións en outubro, cando se estima que estará terminado o novo local, que pasarían a ocupar de inmediato. Con todo, o perigo que supuña o uso das novas instalacións mentres non conclúen o resto de traballos no edificio só permite que se acceda ao novo local para gardar os barcos. Para resolver esta situación de xeito provisional “derrubarase só a metade da actual nave”, segundo explicaba o vicepresidente do club, Julio Prado. O servizo de vestiario, foso e ximnasio situaranse de xeito provisional nunha carpa no aparcadoiro contiguo á nave. Julio Prado salientou que se trata da “mellor solución posible”, xa que o principal interese do club é “poder continuar coa actividade” e preparar a próxima temporada.