O concelleiro de Medio Ambiente, Carlos Pazos, explica que a zona límpase periodicamente, e que no caso do lixo presente na ría a competencia é da Xunta, e non municipal. Pazos Docampo acusa ós populares de estar “obsesionados” con denunciar ó goberno local, e advirte que en política “non vale todo”.
O responsable de Medio Ambiente, Carlos Pazos, saíu ó paso das denuncias do PP de Redondela, que criticaban “o abandono” do novo paseo do río Pexegueiro por parte do Concello. O edil nacionalista rexeita as declaracións dos populares e asegura que o paseo está “en perfectas condicións”. O departamento que dirixe fai limpezas periódicas na zona, xa que ás veces poden aparecer bolsas, papeis, etc., “sobre todo os días de feira”. En canto ás críticas do PP pola presenza de fontes ou surtidores que non funcionan, Pazos explica que as únicas fontes que existen son “as da pasarela”, e que aínda non están conectadas á rede de subministro de auga por un problema técnico, que se resolverá “en breve”.
En canto á presenza de lixo e residuos en zonas da Marisma que xa pertencen á ría de Vigo, o concelleiro de Medio Ambiente explica que “non é competencia municipal” senón do departamento de Costas, dependente da Xunta de Galicia. Calos Pazos afirma que o grupo popular na súa “obsesión” por denunciar as actuacións do Concello “apunta mal”, e lémbralle ó grupo da oposición que en política “non vale todo”. O edil do BNG explica que en ocasións o Concello redondelán solicita permisos á Xunta para facer limpezas na ría, pero que a obriga de manter esa zona do litoral en boas condicións é do goberno autonómico.
Acceso prohibido a animais e bicicletas
O responsable de Medio Ambiente adiantou tamén que se instalrán na pasarela carteis informando da prohibición do paso de animais, xa que a presenza de cans, que poden defecar na pasarela, supón un “problema sanitario”. Por outra banda prohíbese tamén o acceso a pasarela con bicicletas, que poderían poñer en perigo ós viandantes.