Veciños de Chapela comprobaron, logo de ser alertados por mariñeiros que traballaban na zona, que dun dos piares da ponte tiña caído un cacho de formigón de importantes dimensións. Denuncian o estado de deterioro e abandono en que se atopan tanto os piares como as vigas transversais da infraestructura
A asociación de afectados pola ampliación da AP-9 de Chapela, alertados polos mariñeiros que faenaban na zona de Rande días atrás, achegáronse á base da ponte e comprobaron que se tiña desprendido dun dos piares da zona sur un gran cacho de formigón.
Trátase dunha peza dun metro por un metro e medio o que pon de manifesto, segundo aseguran estes veciños o estado lamentable en que se atopan os piares e vigas transversais da infraestructura que presenta ferros podres, desprendementos e fendas debido á falta de mantemento e á acción do mar no formigón que data da década dos 70.
Critican que dende a administración non se preste unha maior atención ao mantemento dunha ponte pola que pasan unha media de 50.000 vehículos ao día o que supón máis de dous millóns de euros ao mes.
A asociación trasladará o feito tanto ao Ministerio de fomento, Xunta e á empresa concesionaria da Autoestrada Audasa.