O Concelleiro de Medio Ambiente, Carlos Pazos acusa ao PP de “comportamento deshonesto” por non informar ao Concello da existencia dunha avaría na estación de bombeo e optar por acudir aos medios de comunicación.
Pazos asegura que a acumulación de augas fecais nun tramo do camiño que vai dende Chan das Pipas a Santiaguiño na parroquia de Vilar foi un feito puntual debido a que se produciu “un corte de enerxía eléctrica o que provocou que a estación de bombeo deixase de funcionar”. Asegura que o problema está solucionado e acusa aos populares de non comportarse axeitadamente por acudir a prensa en lugar de informar ben ao concello ben a Aqualia para que resolvesen a incidencia canto antes. Asegura non entender as críticas dos populares cando se refiren a Vilar como unha parroquia completamente esquecida por parte do goberno local dado que “practicamente todos os veciños teñen saneamento agás unha pequena zona que se atopa baixo influencia do aeroporto” e que está á espera de contar co permiso de Fomento para iniciar os traballos. Sobre as críticas do PP en torno ás obras desenvolvidas na Marisma asegura estar especialmente satisfeito pola actuación e insiste en que os populares están a buscar problemas onde non os hai cando falan de perigo á hora de cruzar o río Pexeguerio pola nova ponte de pedra ao lado da gardería, xa que existe unha pasarela de madeira alternativa que comunica ambas as marxes do río.