Un convenio asinado con Caixanova permitirá adquirir unha parcela na parroquia pertencente ao antigo polígono de autopistas para a instalación de diferentes servizos como unha gardería municipal ou un centro de día. O PP lembra que a Mancomunidade estaba disposta a ceder unha parcela ao Concello a custe cero.
Os votos a favor de PSOE e BNG permitiron que saíse adiante no pleno de hoxe a modificación de crédito necesario para proceder á compra dun terreo de 35 mil metros cadrados en Chapela para a instalación de diferentes sevizos como unha gardería municipal, un centro de día ou o traslado do colexio de Igrexa. Unha compra que supón un investimento de millón e medio de euros, cantidade que no PSOE entenden é mais que razoable tendo en conta que “se está a adquirir terreo urbanizable moi por baixo da metade do prezo de mercado”. Unha explicación que non convencía aos populares quen lembran que dende a Comunidade de Montes os seus comuneiros amosáranse dispostos a ceder de xeito completamente gratuíto unha parcela da súa propiedade sempre e cando as administracións se comprometesen a empregalo para a ubicación de servizos. Alberto Pazos reiteraba que non ten sentido que se pague algo cando pode obterse a custe cero e pregúntase se detrás desta decisión de non aceptar os terreos da comunidade de montes non responderá máis ao enfrontamento manifesto existente entre o propio alcalde Xaime Rei e o presidente da Mancomunidade de Montes Francisco Puch, que a unha cuestión obxectiva. Dende o PSOE insisten en que o acordo acadado con Caixa Nova supón unha “oportunidade económica única” e reiteran en que a súa localización é a máis idónea para instalar os servizos dos que a día de hoxe carece a parroquia.