O Concelleiro de deportes, Carlos González asegura que o centro deportivo está ocupado dende as 9:30 ata as 22:00 horas e rexeita adiantar a súa apertura ás oito da mañá tal e como lle demandaran as deportistas.
O concelleiro de deportes, Carlos González afirma que o centro deportivo está ocupado todos os sábados dende a súa apertura ás 9:30 horas da mañá e ata o seu peche ás dez da noite. O edil, que compareceu onte na sesión plenaria a petición do PP, rexeitou adiantar o horario de apertura do pavillón ás 8 da mañá tal e como lle demandan os pais e nais das 80 rapazas que conforman o club de patinadoras. A petición, que se debateu no pleno a raíz dunha petición do Partido Popular, recolle unha demanda das patinadoras, quen actualmente se teñen que desprazar ata a cidade de Pontevedra a adestrar. Este grupo federado solicita dende hai tres anos a cesión de unha hora e media ou dúas horas á semana para o seu equipo de competición feminino. Sen embargo o edil asegura que non existen ocos baleiros no pavillón e rexeitou que se poida abrir antes das 9:30 da mañá, porque ese é o horario do conserxe. Unha representación do equipo de patinadoras abandonou a sala indignada pola postura esgrimida dende a Concellería de deportes.