Solicitan esta actuación por tratarse dun “punto negro na rede viaria do concello”, xa que o tráfico rodado pola N-550 ten experimentado un notable incremento. Aseguran que a limitación da velocidade a 50 Km/h non garante a seguridade nin de peóns nin de condutores.
O grupo local do BNG ven de presentar unha enmenda aos Orzamentos xerais do Estado, a través da Deputada Olaia Fernández Davila solicitando ao Ministerio de Fomento financiamento para a construcción dunha rotonda na N-550 entre Redondela e o Porriño.
Os nacionalistas lembran que o Altos dos Valos tense convertido nos últimos anos nun punto negro na rede viaria da comarca debido “ao importante aumento do tráfico rodado procedente de Portugal e da zona industrial de O Porriño, cara Pontevedra e o norte de Galiza, xunto ao cruce de camiños das estradas procedentes do Aeroporto e do concello de Pazos, que conflúen nunha encrucillada de difícil solución”
Engaden que se trata dunha mellora na estrada que beneficiaría tanto ao concello de Redondela como aos veciños de Mos e Pazos.
Actualmente e ante a perigosidade da vía si hai unha limitación a 50 kilómetros por hora, unha medida que entenden no BNG non é suficiente para garantir a seguridade nin dos condutores nin dos peóns que transitan pola estrada.