Hoxe é Luns 25 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Chapela consegue un empate no campo do Alerta Traviesas

RR_Noticias

Ata seis goles subiron ó marcador, tres por cada un dos equipos, que deron mostra do seu xogo ofensivo nesta Primeira Autonómica. Mentres a intensa chuvia provocou o aprazamento do encontro Choco-Barbadás da Preferente Autonómica cando se levaban disputados 32 minutos de partido.

Preferente Autonómica
Choco – Barbadás- aprazado pola chuvia
O colexiado Cinza Seoane decidiu suspender o encontro Choco-Barbadás no minuto 32 dado a gran cantidade de auga no terreo de xogo, que o facía impracticable. Nos primeiros minutos do partido houbo unha alternancia do dominio no xogo, polo que os dous equipos tiveron oportunidades. Pouco a pouco os locais fixéronse amos do xogo, e foi Richi o que puido adiantar ó Choco no marcador, pero o seu disparo foi detido por Roberto. E a media hora que se xogou en Santa Mariña xa non deu para máis, nunha tarde moi chuviosa e cun campo impracticable. A próxima xornada xogarán no campo do Arenteiro, equipo que atravesa unha complicada situación, son penúltimos do grupo.
Primeira Autonómica
Alerta Traviesas 3- 3 Chapela
O dominio do xogo foi alterno entre os dous equipos, nun partido no que o terreo de xogo se amosaba en moi malas condicións. Desde o Chapela, o adestrador, Luis Ferreira, xa anunciaba nos micrófonos de Radio Redondela que agardaban colleitar un resultado positivo e adiantaba que sería un encontro moi disputado e con bo fútbol, xa que os dous equipos se distinguen por practicar un xogo ofensivo. Co empate o Chapela é 13º, na próxima xornada reciben ó Marcón, 15º clasificado, que ven de empatar a ceros co Arcade. Agora o obxectivo dos redondeláns é sumar puntos no que resta desta primeira volta, sobre todo nos partidos que disputarán cos que consideran os seus rivais directos, como é o caso do Marcón, equipos cos que terán que pelexar pola permanencia no final do campionato. Luis Ferreira confía en situarse canto antes na metade da táboa para evitar apuros na resta final da liga.
Arcade 0-0 Marcón
Partido sen goles e reparto de puntos entre o Arcade e o Marcón. Os dous equipos están agora empatados a puntos e na parte baixa da táboa. O Arcade xogará a próxima xornada no campo doutro rival directo, o filial do Rápido de Bouzas, un posto por baixo dos de Soutomaior.
Terceira Autonómica
Cruceiro B 2- 0 Cesantes
O Cesantes cae dúas posicións, ata a 9ª da táboa, despois da derrota no campo dun dos equipos máis fortes do grupo, o Cruceiro B, segundo clasificado. A próxima xornada o Cesantes recibe ó cAroi, equipo da metade baixa da táboa.
Vilar descansou
Os de Vilar manteñen a posición no12º posto da táboa , e o domingo xogarán no campo do Pontellas, un dos equipos fortes deste campionato, 3º do grupo.
Soutomaior 1- 2 Arcade B
Sorpresa no resultado do derbi entre os dous equipos de Soutomaior, xa que os que xogaban na casa, e que ademais tiñan mellores números que os seus veciños de Arcade, caeron derrotados por 1-2. Deste xeito o Soutomaior cae ata a 10ª posición da táboa, mentres que o filial do Arcade mantense como 14º, pero xa empatado a puntos co 13º. Na próxima xornada o Soutomaior xoga no campo do Salcedo (da metade baixa da táboa), mentres que o Arcade B recibe ó Pontecaldelas (da parte alta da clasificación)
Nespereira descansou
O Nespereira é sexto do seu grupo, o próximo domingo reciben ó Ponteareas, un posto por riba deles e que suma tres puntos máis nesta liga.
Futbol Sala- Autonómica Sur
Valadares 9-4 Redondela
O equipo redondelán suma a súa terceira derrota consecutiva, e nesta ocasión cun avultado marcador, sobre todo por mor do mal xogo defensivo. O marcador reflectía un 3-2 ó descanso. Comezaba a 2ª parte con dominio redondelán pero sen marcar, creábanse ocasións pero non houbo remate. E mentres os locais, sen moita técnica pero con moita física e agresividade volvían a marcar 4-2, con este resultado chegaron os mellores momentos redondeláns pero os homes de Manoliño non atinaban cara a porta rival. Diego nun contraataque fixo o 4-3 que facía achegarse o marcador, pero foi só un espellismo, porque unha vez máis os problemas defensivos foron a clave. Nos últimos minutos o Redondela con moitos problemas no banco xoga con porteiro xogador, o que motivou a avultada derrota final. A derrota fainos caer dous postos na táboa, ata o 11º. E na próxima xornada disputarán un complicado encontro xa que reciben en Redondela ó líder da categoría, o Pazos.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará