En total son 3.000 euros os que recibirá o afortunado que se faga co premio que a Asociación de empresarios entregará a unha das persoas que durante estas datas de Nadal realice as súas compras no comercio local. Para favorecer a accesibilidade á vila os clientes recibirán bonos de parking por cada dúas compras.
Un soldo de 500 euros mensuais durante seis meses é o único premio da Campaña de Nadal que ten en marcha a Asociación de Empresarios coa que se quere premiar a fidelidade dos clientes ao comercio local. Con todo, a novidade principal na campaña deste ano atopámola no conxunto de medidas de mellora de accesibilidade que pon en marcha o colectivo. Así, por unha banda, a partir do 22 de decembro os clientes do comercio asociado recibirán por cada dúas compras unha hora de aparcamento gratuíto no parking do centro da vila. Un xeito de promover que os veciños se acheguen ao casco urbano a facer as súas compras sabendo que non terá problema á hora de estacionar o seu vehículo. Na mesma liña, dende a Asociación promóvese tamén o uso do transporte urbano cun “pasatransporte”, un folleto que persegue dar a coñecer ás liñas de autobús que comunican o centro da vila coas parroquias e concellos limítrofes. Tamén se sorteará entre os usuarios do transporte público un bono que lles permitirá viaxar durante un ano de xeito gratuíto nos autobuses da contorna.