Así o anunciou o candidato socialista Eduardo Reguera, quen polo de agora non quere adiantar nomes concretos aínda que si afirmou que a lista que o PSOE presentará nos próximos comicios electorais de Maio será unha lista “completamente renovada”
Sen desvelar moitos datos Reguera amósase convencido de que a súa proxección pública e política logo de sete anos no goberno local xoga a favor do seu partido, tendo en conta ademais que os seus rivais non teñen tanta presenza xa que o candidato do PP Javier Bas “carece de traxectoria política” e que a cabeza de lista dos nacionalistas Cecilia Pérez Orge “leva tres anos alonxada da política municipal”. Confía plenamente en acadar a maioría absoluta e rexeita comparacións cos comicios celebrados no ano 2007 cando o PSOE perdera parte do seu apoio social “debido en gran parte á campaña promovida polo Voto nulo” así como polo propio desgaste do candidato, Xaime Rei. Afirma que a situación é ben diferente xa que “as eleccións chegan logo dun período de importantes investimentos por parte do PSOE en Redondela”. Respecto de actuacións “impopulares” do seu partido a nivel estatal como a proposta de Fomento de ampliar a autoestrada AP-9 ao seu paso por Chapela, Eduardo Reguera insiste en que dende o “ámbito local o PSOE “sempre rexeitou a ampliación da vía e avogou pro defender a construcción da A-59 que servirá para desconxestionar a autoestrada”. Confía tamén en que as característica propias dunhas eleccións locais “nas que pesa sobre todo o coñecemento directo do candidato, das persoas e da súa traxectoria” compense o desgaste que a nivel estatal está a padecer o partido socialista, tal e como así se reflicte nas enquisas cunha importante caída do apoio social.