Desde o pasado 1 de decembro xa non existen formalmente Caixanova e Caixa Galicia, a fusión transformou ás dúas caixas nunha única entidade: Novacaixagalicia. Pero ós seus clientes estalles a custar adaptarse ós cambios. En Redondela, moitos deles aínda non son conscientes do que supuxo a unión, e seguen facendo as xestións unicamente na súa oficina. Os cambios progresivos nos logotipos e a nova rotulación das sucursais servirá para que se fagan á idea.
Hai xa 10 días que naceu oficialmente a nova caixa única galega logo de facerse efectiva a unión de Caixanova e Caixa Galicia. Despois de meses de información sobre a fusión, polémicas no Parlamento Galego, recomendacións do Banco de España e ata unha manifestación encabezada polo alcalde de Vigo, Novacaixagalicia xa é unha realidade. Desde o pasado 1 de decembro as oficinas dunha e doutra entidade son o mesmo, e os clientes poden utilizar os seus servizos e caixeiros automáticos indistintamente. Pero aínda non se fai. E é que os clientes de ambas entidades son aínda descoñecedores dos cambios. Iso é o que acontece, polo menos, en Redondela. A xente na rúa aínda non está afeita ó cambio, e seguen facendo as súas xestións coma sempre, cada quen na súa oficina. E iso que en Redondela, por exemplo, ás veces hai colas no caixeiro da antiga Caixanova, na Praza da Constitución, mentres que o da antiga Caixa Galicia, a escasos metros, está libre. A maioría dos clientes, aínda que son conscientes da fusión, non teñen claro o que iso implica para eles. É o caso de Nati, unha veciña de Redondela que estuda en Santiago, e que non era consciente de que podía facer as súas xestións sen comisións. Será preciso un período de adaptación para que, pouco a pouco, os clientes se afagan a esta nova realidade. Con todo, tanto os traballadores de Novacaixagalicia como os seus clientes, recoñecen que a maioría das xestións seguiranse facendo “na oficina de sempre”, por unha cuestión de “confianza”. Lucía, unha traballadora da antiga Caixa Galicia de Redondela, explica que é algo “lóxico”, mesmo cando falamos da mesma entidade, xa que o cliente trata “co persoal que xa coñece”. O que está claro é que a partires de agora ábrese un proceso de cambios ó que os clientes terán que acostumarse. A instalación progresiva dos novos logos e rotulacións servirán para facerse á idea, xa que polo de agora as oficinas presentan a mesma imaxe de sempre. Este proceso implica tamén a prexubilación de a máis de 1.200 traballadores maiores de 55 anos, e o peche de oficinas. No caso da vila de Redondela actualmente hai tres sucursais de Novacaixagalicia nun tramo de escasos metros. Con todo, veciños como Manuel, opinan que sería “moi negativo” que pechase algunha delas, ao seu entender todas son necesarias porque teñen clientes dabondo, e ademais a perda deses postos de traballo suporía un grave prexuízo social. Novacaixagalicia naceu como a cuarta caixa de España por volume de aforro, cun volume de negocio de máis de 108.000 millóns de euros, un persoal de máis de 8.000 traballadores e 3 millóns de clientes.