A obra, onde se dan cita a música en directo, a danza, as acrobacia, os monicreques e o malabarismo correrá a cargo da compañía Limiar Teatro e poderase ver en dous pases, en horario de mañá ás 12:00 e pola tarde ás 19:00 horas no Multiusos
O espectáculo teatral e musical está baseado na historia da tradición oral Os Catro Amigos, presente tanto na cultura galega como na universal. Nesta peza teatral, coproducida por Limiar Teatro, MAO e Agadic a través do Centro Dramático Galego, participa un equipo moi novo formado por profesionais portugueses e galegos. O teatro, a música en directo, a danza, a acrobacia, monicreques e malabarismo danse cita neste espectáculo, no que tamén colabora o público a través de actividades interactivas relacionadas coa musicoterapia e outros elementos sensoriais. A peza, na que Can, Boi, Gata e Galo foxen da cidade, xira en torno ao despoboamento do rural e ao vínculo que se establece entre novos e maiores neste medio, presentando o mundo rural como algo valioso, como unha aventura por descubrir chea de posibilidades. Logo da representación a Concellería de Normalización Lingüística en colaboración coa Asociación de empresarios entregará os premios do concurso de blogs Reblogdela, cuxo argumento este ano xirou en torno ao deporte redondelán.