Hoxe é Luns 25 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Dous goles en dez minutos deixan fóra ó Choco

RR_Noticias

David Soares foi o artífice do triunfo do Lalín, que con dous tantos antes do descanso deixou ós redondeláns sen marxe de manobra. Na segunda e cun home menos o partido púxose costa arriba para os de Julio Álvarez, que mereceron máis. Mentres na Primeira Autonómica o Arcade vaise despegando da zona perigosa grazas a unha vitoria sobre o Domaio.

Preferente Autonómica
Choco1 -2 Lalín
Dous goles do Lalín nunha escasa marxe de 10 minutos deixaron ó Choco sen premio. Os dous equipos disputaron un fermoso partido en Santa Mariña. A primeira parte comezou con dominio visitante. Puido adiantarse o Lalín cun penalti moi discutido polo Choco, pero que finalmente non se transformou xa que o lanzamento foi detido por Cortegoso. Cinco minutos máis tarde o Lalín sacou proveito do ataque cun gol de David Soares. Só dez minutos máis tarde o mesmo xogador recolleu un balón fóra da área e, grazas á pasividade da defensa redondelán, colocouse diante de Cortegoso e anotou o 0-2. No segundo tempo as cousas complicáronse para o Choco cando o árbitro expulsou con vermella directa a Santi, era o minuto 60. Con todo, os de Julio Álvarez non baixaron os brazos. Molinos conseguiu recortar distancias cun gol no minuto 65. Logo o Marín tamén quedaría cun home menos por dobre amarela de Lucas. E xa nos últimos minutos, aínda que o Choco seguiu atacando a portería visitante, o marcador xa non se movería. Deste xeito o Choco mantense na metade da táboa, 11º. Na próxima xornada, xa despois das vacacións de Nadal, xogará no campo do Nigrán, 9º clasificado.
  
Primeira Autonómica
Chapela 1-2 Vilariño
Partido moi movido en Chapela, co opcións para os dous equipos, pero os visitantes levaron os tres puntos, en parte por insistencia. Chegouse ó descanso con empate de 1-1 no marcador. Pouco despois o Vilariño tivo un disparo á madeira, finalmente o acerto dos visitantes deixou o 1-2 no marcador. Os redondeláns ceden un posto, ata o 13º. Despois do descanso de Nadal volverán a competición no campo do rival máis feble, o filial do Rápido de Bouzas, pechacancelas.
Arcade 1-0 Domaio
O Arcade deixa un chisco afastada a zona perigosa da táboa, mesmo adianta ó Chapela con esta vitoria sobre o Domaio, que non demostrou a súa superioridade. O Arcade gañou pola mínima e fíxose con tres puntos de ouro que o deixan na 12ª posición da táboa. A primeira parte do encontro foi algo aburrida, xa na segunda o Arcade saíu con máis ambición e foi capaz de facerse coa vitoria anotando o gol do triunfo a 15 minutos do final. Despois das vacacións co gallo do Nadal xogarán no campo do San Marín, un dos equipos situados nesa parte baixa da táboa, son 14º.
 
Terceira Autonómica
Sampaio 1-1 Cesantes
O líder deixou dous puntos na casa nun interesante derbi. Os goles fixéronse agardar ata a segunda metade do encontro. O empate deixa ó Cesantes un posto máis arriba, son 9º. E terán tempo agora para descansar porque cando se reanude a competición, despois das festas, eles descansan na primeira xornada do próximo ano.
Choco 4-2 Candeán
Os redondeláns golearon ó Candeán nun encontro con moita emoción. A vitoria fainos escalar dúas posicións na táboa, ata a 8ª praza. Na próxima xornada, despois das festas, xogarán no campo do Valadares, penúltimos clasificados do grupo.
Vilar 2-4 Oiense
A última derrota do Vilar déixaos na 12ª praza do grupo. Chagan así ás vacacións de Nadal na parte baixa da táboa. Despois do parón volven á competición para xogar no campo do Vilariño, 8ª clasificado.
Soutomaior descansou, segue como 10º do grupo. Logo das vacacións de Nadal terá que enfrontarse ó Pontecaldelas, un dos equipos fortes desta liga, o 4º clasificado.
Presqueiras 1-3 Arcade B
sólida vitoria do filial do Arcade, e ademais a domicilio. A vitoria fainos escalar un posto na táboa, con todo, continúan na parte baixa da clasificación, son 13º. Na próxima xornada, despois das vacacións de Nadal, recibirán ó Santomé, 5º clasificado.
Alerta 1-0 Nespereira
Os de Pazos caen un posto na táboa ó caer derrotados pola mínima no campo do Alerta. O Nespereira está agora na 8ª posición do seu grupo. E logo do parón de Nadal enfrontaranse a un equipo co que están moi igualados, o Louredo, 7º clasificado e cos mesmos puntos, partido que xogarán en Pazos.
Fútbol Sala -Autonómica Sur
Abetos-Redondela F.S. -aprazado
O partido disputado en Nigrán entre o Abetos e o F.S. Redondela suspendeuse cando se cumprían 8 minutos de xogo pola lesión do porteiro local. Un choque fortuíto entre o gardameta e un xogador do Redondela provocou que o porteiro caera ó chan, o que se causou unha brecha na cabeza e a pérdida de coñecemento. Foi asistido na pista por 2 médicos que casualmente estaban nas bancadas, logo personouse unha ambulancia do 061 para trasladar ó xogador ó hospital. O partido foi suspendido nese momento por acordo entre ambos equipos. O resultado ata ese intre era de empate 1-1. Deste xeito o Redondela mantén a 10ª praza do grupo. Agora terán tres semanas de descanso polas festas de Nadal, Aninovo e Reis, prazo de tempo no que agarda poder recuperar a algúns xogadores lesionados. O primeiro partido que disputen no próximo mes de xaneiro será en Redondela co Andrade, 15º na táboa. De cara ó próximo ano o propósito do club e continuar cunha liña ascendente, e rematar a liga na metade alta da táboa. O obxectivo que se marca o adestrador Manoliño é quedar “entre os seis ou sete primeiros”, aínda recoñece que “será complicado”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará