A asociación Amigos da Terra promove nestes días de consumo desmesurado algunhas propostas máis respectuosas co medio ambiente e encamiñadas a lograr un consumo sustentable tamén no Nadal. Así o explicaron en Redondela no marco da campaña “eu digo non ás bolsas de plástico”
Así, entre outras medidas déixannos como suxestión que agasallemos con ceas, entradas de teatro ou cine ou mesmo con experiencias e tentemos fuxir dos agasallos materiais. Tamén nos animan a comprar no comercio local para favorecer a economía máis próxima e a poder ser con produtos do comercio xusto e agricultura ecolóxica. Outro dos consello obrigados é que volvamos plantar as árbores que se empregan como parte da decoración do Nadal. Angel Dorrío anima tamén aos consumidores a empregar bolsas reutilizables de tea en lugar de bolsas de plástico. Baixo o lema “eu digo non ás bolsas de plástico” están a desenvolver diferentes iniciativas orientadas a reducir ou eliminar estas bolsas. Unha campaña que chegou hoxe á Redondela co gallo da celebración do día de feira. Membros da asociación ecoloxista repartiron bolsas de tea nas que se lembra que cada persoa emprega ao ano 238 bolsas de plástico, cada unha das cales tarde en desaparecer uns 400 anos dada a dificultade do seu material para se degradar. Ademais moitas destas bolsas acaban no mar causando a morte de milleiros de animais que as inxiren, motivos máis que suficientes para entre todo tentar diminuír o seu uso.