A auga que sae da billa nalgunhas zonas da vila presenta un “aumento da turbidez” pero dende a Concesionaria do servizo, Aqualia, insisten en que é apta para o consumo “xa que se atopa clorada” e explican que a cor que presenta débese ás intensas choivas dos últimos días
Logo de que en toda a prensa se fixese eco da turbidez que presentaba a auga nalgunhas zonas de Vigo, dende o concello de Redondela apresuráronse tamén a comunicar que nalgunhas zonas da vila detectáronse problemas semellantes. Así, falan de que se detectou nos últimos días “un aumento da turbidez” que responde ás “intensas precipitacións das últimas xornadas”. Engaden que o elevado número de auga caída provocou un aumento na canle do río Oitavén que abastece o encoro de Eiras, o cal provocou unha rápida suba do nivel da auga represada. Alén do importante incremento da canle do río, as choivas xeraron arrastres no terreo o que provocou que a auga estea máis turbia no mecionado encoro. Unha explicación que chega dende a Concellería de Medio Ambiente, dende onde engaden que a concesionaria responsable do servizo Aqualia insiste en que a auga subministrada atópase clorada e que “polo tanto o seu consumo non supón ningún risco para a saúde”.